lunes, 1 de marzo de 2010

Falece aos 76 anos o crego progresista galego Manuel Espiña Gamallo




Manuel Espiña Gamallo faleceu onte en Pontevedra á idade de 76 anos, vítima da Esclerose lateral amiotrófica (ELA) que padecía desde hai dous anos. O padre Espiña, coengo na Colexiata da Coruña, quedará na memoria histórica de Galicia pola súa defensa do galego, dentro e fóra da Igrexa Católica xa que, como mestre, sempre deu as súas clases en galego e, como crego, foi o primeiro que iniciou as misas no noso idioma.
A súa forte fe “sempre estivo encanada no ser humano máis indefenso e máis pobre”, comenta Ramón Muñiz de las Cuevas, presidente da Irmandade Moncho Valcarce, o coñecido como Cura das Encrobas, colaborador do sindicato Comisións Labregas. Espiña era o vicepresidente da Irmandade e “coñeceu persoalmente a Valcarce; foi el quen o axudou a facerse sacerdote”, conta Muñiz de las Cuevas.
Espiña apoiouno cando foi castigado por rebelarse contra a educación “arcaica e submisa” que se impartía no Seminario de Santiago e axudouno a rematar os estudos e ordenarse.
O padre Espiña “sempre criticou que a Igrexa galega non era galega, era un deses cregos progresistas, ligados á teoloxía da liberación”, como lembra Ramón Muñiz. Por iso, “só quince anos despois de que o Vaticano permitise a liturxia nas linguas minoritarias, deu as primeiras misas en galego”. “Era un defensor da lingua galega e levaba Galicia no fondo do corazón”, engade.Entre as moitas publicacións e escritos asinados polo padre Espiña, cómpre destacar a súa colaboración na primeira tradución completa dos Evanxeos ao galego.

domingo, 28 de febrero de 2010